jueves, 25 de enero de 2018

Podemos mellorar a campaña de verán?

Acción promovida por somos tempo libre.

Somos Tempo Libre naceu da necesidade de pór en valor a educación no tempo libre dende todas as súa esferar, construíndo en positivo e dende a base. Porque cremos no gran poder da educación non formal, porque outro mundo é posible, porque somos parte importante no cambio, por iso Somos Tempo Libre. Únete!

Pediron información a todas as persoas que se desenvolven en calquera ámbito do tempo libre das súas achegas para poder presentar á Xunta de Galicia e así mellorar esta oferta dos seus campamentos. Estas son as súas conclusións:


En base ás achegas recibidas o colectivo Somos Tempo Libre elabora o seguinte documento. Baseado nas propostas recollidas en diversos ámbitos que teñen relación coa Campaña de verán, STL pescuda un modelo de campamento transformador que contribúa ao proceso educativo e á formación integral de todas as persoas que participen nel:

  1. ● Potenciar, manter e asegurar a continuidade da iniciativa da Campaña de verán como lugar de coñecemento, encontro, novas relacións e convivencia das mozas e mozos galegas; onde desenvolver unha actividade radicalmente distinta á vida cotiá de cadaquén e experimentar situacións que marquen parte do futuro e o porvir persoal das participantes.
  2. ● Marcar e dirixir, como organismo público e garante do interese xeral, as directrices e liñas básicas da actividade a desenvolver nos campamentos, pescudando na medida do posible, a aparición de comenencias que poidan desvirtuar a esencia e os obxectivos da Campaña de verán.
  3. ● Afondar na idea de campamento como espazo onde rapazas e rapaces poidan adquirir habilidades sociais, traballar en valores e desenvolver a autonomía persoal. Xerar espazos abertos para que as participantes socialicen libremente.Se alguén bota unha ollada aos proxectos realizados nos últimos anos para as distintas instalacións galegas onde se desenvolve a Campaña de verán, pode atopar un exceso de actividades de rotación, a levar a cabo en pequeno grupo, e unha carencia de momentos conxuntos e espazos que fomenten a espontaneidade e a liberdade. Propoñemos conxugar as actividades en grupo pequeno pechado con actividades en gran grupo no que todas e todos compartan e se coñezan.
  4. ● Reformular cronogramas para poñer en primeiro plano o carácter educativo dos campamentos. Combinar actividades físico – deportivas con outras que atendan á convivencia, á autoestima ou ao autoconcepto, ás habilidades sociais ou á igualdade. Precísanse espazos específicos para tratar en profundidade as emocións ou a afectividade. Son elementos transversais sobre os que se debe profundar e os campamentos son un espazo privilexiado.
  5. ● Adaptar as actividades ás características das instalacións e á súa contorna. Aprender de xeito significativo e manipulativo, poñer en valor o patrimonio social e cultural de cada lugar en particular e do rural en xeral, fomentar a interacción coa poboación próxima e achegar ás participantes ás tradicións de cada zona.
  6. ● Contar cun espazo de comunicación que fomente a asertividade, a escoita activa e a participación sosegada e crítica. Atopar un momento onde reflexionar sobre os contidos educativos da velada, o vivido durante o día enteiro, o camiñar do grupo, o que nos reconforta e nos fai sentir mellor e o que provoca conflitos. O clima reláxase. Conséguese un espazo case máxico para desenvolver unha expresión honesta, unha escoita atenta e unha toma de decisións construtiva. Ese tempo ao rematar a velada, xusto antes de ir durmir, é probablemente o encadramento ideal para levalo a cabo.
  7. ● Ofrecer certo marxe de manobra para adaptar as programacións a imprevistos ou ao grupo de participantes. Pensamos nun protocolo directo e sinxelo de información, en caso de necesidade de modificar a realización de certas actividades. Ao mesmo tempo, propoñemos que as programacións dos campamentos se dividan en dúas partes: unha, maioritaria, indicada pola DXXV, e outra aportada polo equipo de traballo ou empresa, susceptible de ser valorada de xeito técnico e a entregar antes do comezo da actividade. Seguramente poderían introducirse neses momentos ideas e potencialidades individuais de cada equipo, que non poden terse en conta ao partirse dun punto de vista xeral.
  8. ● Velar pola formación axeitada e específica das profesionais destinadas ao traballo con participantes de inclusión, que desenvolvan ao máximo as posibilidades dun campamento como espazo para normalizar, potenciar e poñer en valor as capacidades das persoas con diversidade funcional. Facilitar informes, formación ou características e adaptar instalacións e materiais.
  9. ● Facilitar o acceso á Campaña de verán ás persoas con menos recursos e converter aos campamentos nun verdadeiro espazo libre de prexuízos, onde se practica de xeito efectivo a igualdade de oportunidades e a non discriminación.
  10. ● Educar na realidade existente: novas tecnoloxías ou redes sociais. Favorecer a idea da desconexión e a ruptura a través dos campamentos e controlar o uso dos teléfonos móbiles dentro das instalacións, durante tanto tempo e en tantas ocasións.
  11. ● Asegurar, antes do inicio da campaña, as boas condicións dos materiais dispoñibles nas instalacións e propiedade da DXXV así como daquel que deberá ser achegado polas empresas adxudicatarias, ao mesmo tempo que se comproba a súa adaptación para as idades de cada campamento (talles de prendas, tamaño de bicicletas, arcos, etc.).
  12. ● Camiñar cara a mellora global do sector para lograr un Tempo Libre e unha Campaña de verán verdadeiramente educativa, asegurando a formación idónea das súas profesionais e mellorando as súas condicións laborais. Promover o cumprimento das condicións económicas e laborais que se contemplan no convenio colectivo do sector e establecer mínimos relativos aos salarios de xerencia, dirección, monitorado, outras profesionais implicadas, número de persoas que conformen equipos de traballos e gastos de material.
  13. ● Determinar uns prazos de licitación e adxudicación que permitan ás empresas dispoñer dun período de tempo suficiente, tanto para a planificación dos campamentos como destinado á formación do monitorado e equipos de traballo de cara á campaña.




Somos Tempo Libre traballa actualmente na achega de novas ideas para as instalacións galegas, que estaremos encantadas de compartir; así como de profundar e explicar cada un dos puntos citados con anterioridade. Da mesma maneira analizamos outros aspectos, seguramente a observar e a ter en conta máis a longo prazo, que agardamos tamén poder partillar.




No hay comentarios:

Publicar un comentario